Saturday 18 de May de 2024

San Sadurniño pídelle á veciñanza usar a auga con responsabilidade


A Xunta de Galicia declarou hai uns días a situación de seca prolongada nas concas comprendidas entre o río Mero, en Arteixo, a zona da Mariña luguesa, en previsión de que a falla de precipitacións poida provocar problemas de abastecemento. San Sadurniño, malia contar por agora con reservas suficientes na traída municipal, forma parte desa área e polo tanto tamén deberá aplicar as recomendacións do plan autonómico da seca, que pasan neste momento por reducir as fugas na rede, así como as regas, baldeos de espazos públicos, etc.-. Ademais, desde o goberno autonómico tamén se insta aos municipios a concienciar á veciñanza sobre a necesidade de aplicar medidas de aforro. De feito, na próxima factura do abastecemento xa se incluirán unha serie de consellos relativos ao uso responsable da auga.

En todo o planeta hai máis de mil millóns de quilómetros cúbicos de auga. Semella un recurso inesgotable, pero o 97% desa auga encontráse nos mares e océanos en forma salgada. Do 3% restante, a maior parte está en forma de xeo nos polos, nos glaciares ou baixo terra, en zonas de difícl acceso. En realidade só dispoñemos dunha pequena parte da auga doce para consumir, que circula polos nosos ríos e acuíferos máis superficiais.

A auga é vida, pero estase a converter nun ben moi escaso, polo o que o seu uso racional é unha obriga para todas e todos nós, e non só para as Administracións que deben velar pola xestión deste recurso fundamental.

Tal e como indica Augas de Galicia, a veciñanza e os concellos deben aplicar a máxima “auga que non uses, non a deixes correr”. Unha idea forza que se debe poñer en práctica con pequenos xestos individuais no noso día a día que, todos xuntos, fan moito por manter os niveis dos acuíferos, tanto públicos como privados:

Na situación actual en que non se sabe como van vir en canto a chuvias o que resta de verán e o outono, a Xunta e os concellos piden que se reduzan os usos que non sexan prioritarios, como por exemplo a rega de xardíns, baldeos, lavado de vehículos ou enchido de piscinas, ademais de aconsellar prudencia na carga de cisternas para usos animais.
Asegurarse de pechar ben as billas e amañar as fugas. Unha billa ou unha mangueira que pinga, perde arredor de 30 litros de auga ao día.
Sempre é mellor ducharse que bañarse, sobre todo se se pecha a auga mentres nos enxaboamos. Ademais estímase que usar unha ducha con cabezal redutor de caudal pode aforrar ata 200 litros de auga.
Hai que limpar os dentes asegurándose de pechar a billa mentres os refregamos co cepillo e acostumándose a enxaugalos cun vaso de auga. O aforro cífrase nuns 12 litros por minuto.
A máquina lavalouzas e a lavadora deben poñerse a funcionar cando están cheas, nunca a media carga. Así aforraremos de media outros 80 litros de auga. Se temos pensado cambiar calquera destes electrodomésticos, compensa buscar os máis eficientes en termos de consumo eléctrico, pero tamén os que gasten menos auga. Unha lavadora non debería consumir máis de 12 litros por quilo de roupa, e unha lavalouzas arredor de 15 litros por ciclo como máximo.
Se marchas de viaxe, pecha a chave de paso xeral da casa.
Recoméndase fregar a louza pechando a billa cando se enxaboe. Tamén é de moita axuda instalar boquillas con atomizadores e redución de caudal -igual que nas duchas- para usar só a auga imprescindible nesta tarefa.
Non se debe empregar o WC como unha papeleira: cada vez que se tira da cadea pérdense cerca de 10 litros de auga.
Para baldear o chans e patios -algo que debemos facer só se é imprescindible- aconséllase usar o caldeiro en vez de ter a mangueira correndo constantemente.
Recoller a auga da chuvia nun bidón ou nun depósito serviranos para múltiples usos, como por exemplo baldear ou regar as plantas.
O Concello de San Sadurniño está levando a cabo pouco a pouco un proceso de renovación do abastecemento co obxectivo de minimizar as fugas de auga ao subsolo e mellorar a eficiencia da rede. Nestes momentos está a piques de adxudicarse un proxecto valorado en cerca de 50.000 euros -que conta con financiamento autonómico- para instalar contadores e válvulas intelixentes nas dúas captacións municipais -a do Aceiteiro e a do Camiño Arriba-, á entrada e á saída da potabilizadora da Agra e tamén nos ramais da rede.

E mentres se intervén sobre a rede, o Concello tamén debe aplicar as recomendacións de Augas de Galicia a raíz da declaración da situación de seca prolongada. Trátase de medidas preventivas, xa que de momento a situación das concas é de normalidade. Segundo o alcalde, Secundino García, en San Sadurniño “de momento” non é necesario adoptar medidas de restrición, posto que o caudal do Aceiteiro -onde está a principal captación municipal- “non se resinteu e encóntrase en niveis normais para esta época do ano”.

Porén, o rexedor pinta un futuro “incerto” e pide a máxima implicación veciñal nun uso responsable da auga: “nos invernos non chove como debería e nas primaveras, veráns e outonos, duns anos a esta parte, tampouco. Hai que anticiparse a unha situación que podería complicarse moito. Por iso é tan importante non malgastar auga e concienciarse do seu uso responsable. É un compromiso que debemos asumir todas e todos, tanto se temos abastecemento municipal como se temos prozo ou traída propia”.